Seguidores

viernes, 17 de mayo de 2013

A lingua das bágoas

    Pedro é un rapaz calado e con mirada intelixente. Non adoita destacar por nada e polo xeral podes atopalo nun banco sen moverse. Observando.
    Segundo a súa nai Pedro non é moi avispado. Sempre está na nubes e é imposible falar con el.
    Pedro pásase o día só e cando ela o ve dalle a sensación de que chorou. Ela non o comprende, mírao con desesperación e volve as súas tarefas.
    Un día a nai de Pedro, sen moito interese na resposta e sen esperanza en que a houbera, preguntoulle ao seu fillo por que tiña a sensación de que choraba todos os días.
    Pedro tardou en responder pero para o asombro da nai, este comezou a falar:

 ' As bágoas son un conxunto de imaxes e palabras líquidas. Son fermosas aínda que cheas de tristeza, ou ledicia.
    As bágoas son a expresión dun arte temporal. Cando ninguén as ve relucen máis e son máis amargas.
   As bágoas son esas gotiñas de auga salgada e transparente que non todo o mundo sabe apreciar. Pero son, na súa totalidade, a expresión da alma. E cando baixan vertixinosamente polas meixelas e acarician os beizos con triste tenrura, os espectros marchan temerosos da súa luz. Síntome mellor, pois cando bebo as miñas bágoas síntome máis puro, máis vivo.
    Sinto que podo ver todo o que para un ollo normal escápase. Coma se os meus se liberaran dun telón que non os deixaba desfrutar da beleza do seu entorno. Á vez non comprendo se o que ocorre despois é que ese telón se atravesa na miña gorxa silenciándoa coa magnitude deses sentimentos e choro, unha vez máis e con máis paixón, sentíndome un pouco máis ledo que antes mentres descanso no verde da paisaxe. Nadando, berrando e cantando na lingua das miñas bágoas.'

    A súa nai mirouno estrañada e sen mediar palabra, chorou.

No hay comentarios: